O acceso de servizo do taller de fabricación mecánica do noso centro caracterízase por estar elevado varios chanzos respecto da súa beirarrúa, o que dificulta a entrada e saída de materiais.
A fin de gañar en funcionalidade conviña dotalo unha plataforma de carga e descarga apta para grúa e unha rampla apta para a circulación con transpaleta.
A dirección do centro confiou a execución dos traballos ao alumnado do ciclo medio de Construción.
Foi unha oportunidade inmellorable de introducir nas actividades lectivas unha obra real e o alumnado foi quen de executala totalmente axustada ao proxectado.
En tarefas auxiliares, tales coma o levantamento parcial de pavimento e reposición de elementos danados, colaborou o alumnado de 1º curso de FP Básica de Reforma e Mantemento de Edificios.