“Camiña por onde elas non poden”
O 25 de novembro é unha data para lembrar e reflexionar sobre a violencia que sofren moitas mulleres en todo o mundo.
Desde o noso centro queremos sumarnos a esta conmemoración cunha mensaxe clara: todas as persoas temos dereito a vivir libres de violencia, con respecto, igualdade e liberdade.
O noso mural do 25N énchese coas pegadas do alumnado apuntando cara o ceo, acompañadas de mensaxes e palabras que representan o seu compromiso cunha convivencia baseada no respecto e contra calquera forma de violencia contra as mulleres.
O 25N énchese de bolboretas violetas, en memoria de cada muller asasinada, e de bolboretas brancas, en lembranza das nenas e dos nenos vítimas desta violencia e daqueles que quedaron sen as súas nais.
Cada bolboreta representa unha vida, unha historia, unha ausencia.
O 25N tamén poñemos ao dispor de toda a comunidade educativa unha caixa de lazos violetas. Invitámosvos a levar un, non só como símbolo de solidariedade, senón como compromiso persoal e colectivo coa igualdade, co respecto e coa erradicación da violencia contra as mulleres.
Porque a violencia machista é unha realidade que nos afecta como sociedade e ante a que non debemos permanecer indiferentes.


