Un proxecto Etwinning é moito máis sinxelo que un KA2 pois o nivel de esixencia e completamente diferente. Basicamente, podemos dicir que este proxecto serve para que 2 centros educativos traballen online sobre un tema escollido de mutuo acordo e desenvolvan unha serie de actividades lectivas previamente pactadas.
“Grosso modo”, pódese dicir que este tipo de proxectos só precisa dun socio estranxeiro. Os medios para desenvolvelo son tamén mínimos pois un só profesor cun grupo de alumnos con acceso a medios informáticos pode xestionar un proxecto deste tipo.
Non hai acceso a unha dotación presupostaria para levalo a cabo. O portal Etwinning facilita un espacio virtual de intercambio de experiencias entre os socios que vai ser o centro da actividade destes proxectos.
Un proxecto Etwinning pode ter múltiples enfoques pero, o máis típico, é o de traballar con alumnos baixo a coordinación dun profesor para así mellorar as súas competencias lingüísticas.
Estes proxectos poden ser de moita utilidade para animar ó alumnado a participar en mobilidades Erasmus+ así como para mellorar a súa confianza no manexo dunha lingua estranxeira.

